O alumno de 1º de ESO Antón Alexandre Pérez Vázquez obtivo un premio accésit na categoría Alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria do concurso de relatos de divulgación científica Ciencia que Conta, organizado pola Universidade de Vigo.
Parabéns Antón!
Velaquí o conto:
Ola son un garfo! E agora estou vivindo na casa dos Pérez. Pero … queredes saber como cheguei ata aquí? Pois aquí tedes a historia da miña vida.
Primeiro presentareivos aos meus pais. Son o ferro e o carbono. Son minerais que vivían na Terra, pero que non se coñecerían, senón fose porque os seres humanos decidiron que estaría ben que se xuntasen. Menos mal que foi así, porque se non eu non estaría agora aquí. Porque si, acertastes, eu nacín desa unión, ben en realidade chámase unha aliaxe. E o resultado dela é o aceiro.
Pero antes de chegar a ser como me vedes agora aínda ten que pasar un tempo. Logo da aliaxe os humanos levan aos meus pais a unhas fábricas, para que estean quentiños. Vaia, quen di quentiños di a uns 727ºC, o suficiente para que os meus pais minerais se fundan e acaben formando unhas estruturas cristalinas o bastante duras como para que eu, e mailos meus curmáns o coitelo e a culler, poidamos facer ben o noso traballo.
Xa que vos presentei aos meus pais e aos meus curmáns, tamén vos teño que dicir que na miña familia hai moitos máis membros, ata uns 20. Están o vanadio e o titanio, que me axudan a que eu sexa duro. Os meus tíos, o cromo e máis o níquel, evitan que eu me oxide, por iso tamén me podedes chamar “O inoxidable”. Non é por chulearme , pero os que temos un 12% de cromo na familia somos virtualmente inoxidables. Si, si, podédelo crer, porque así conseguimos unha capa de cromo que cubre o aceiro e protéxenos da oxidación.
Xa sabedes como veño ao mundo. Queredes coñecer agora cando apareceron os meus primeiros antepasados? Pois foi hai uns miles de anos. Ai! Como pasa o tempo! A min houbo quen me dixo que os meus primeiros antepasados viviron no tempo dos gregos, alá polo século IV a.C. Tamén hai quen di que non foi ata o século IX cando comecei a estar presente nas mesas para axudarlle aos humanos a comer; disque unha tal princesa bizantina, chamada Teodora, me puxo de moda.
E así ata agora. Eu e máis os meus irmáns, o do peixe e o das sobremesas, estamos repartidos por case todo o mundo.repartidos por case todo o mundo. Fáltanos por coñecer a China e a India, porque alí non nos necesitan para comer.
Eu estou contento cos Pérez. Trátanme ben, non me dobran, nin metiran ao lixo e úsanme para o que eu estou preparado. Como debe ser!
Ah, teño que deixarvos! Veñen buscarme para levarme á mesa, seica está a comida lista e sen min non poden empezar.
Antón Alexandre Pérez, 1º ESO.