A visita forma parte do programa de actividades previstas para o desenvolvemento do programa de igualdade “Donas de si” no que participa alumnado de 4º de ESO e 1º Bacharelato. Á visita tamén asistiu alumnado da Aula Específica.
O noso centro participa con un proxecto que se chama “Mulleres na liña do tempo”. Trátase dun proxecto multidisciplinar que ten como finalidade despertar no noso alumnado unha conciencia social e cidadá que lle permita detectar e rexeitar todo tipo de discriminación por razón de xénero, así como todos aqueles estereotipos sexistas que teñan como consecuencia a desigualdade social.
Para conseguir esta finalidade propoñemos dúas liñas de estudo; por unha parte a análise e reflexión sobre o papel da muller na sociedade do século XIX a partires do visionado da película “A condesa rebelde”, co personaxe de Emilia Pardo Bazán como protagonista, e por outra, a investigación de mulleres que coas súas accións desde os diferentes ámbitos marcaron fitos históricos, contribuíndo á igualdade social.
Deste estudio sairán dous tipos de traballos que está a elaborar o alumnado participante: Unha liña do tempo on line con información sobre as mulleres investigadas, que proximamente publicaremos na web do centro, e un móbil con láminas en papel fotográfico para expoñer na entrada do instituto.